14-11-2017 Vila de Cruces volve confiar en Xantar para promocionar a súa gastronomía protagonizada polo Galo de Curral

O concello de Vila de Cruces volverá a estar presente un ano máis en Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, para promocionar a estrela da súa gastronomía: o galo de curral. O concello estará representado cun restaurante no que os visitantes do salón poderán degustar diferentes formas de cociñar esta xoia da gastronomía galega e que estará xestionado polo Refuxio de Merza. Ademais, contará cun stand promocional no que presentará os seus recursos turísticos.

Vila de Cruces coñece os segredos do galo de curral, e dende o ano 92 compárteos a través dunha cita gastronómica que inclúe, ademais da degustación popular deste produto, un programa de actividades nos que a música e a cultura son protagonistas. A súa carne é moi apreciada entre os cociñeiros e gourmets polo seu excelente sabor. E as súas calidades culinarias permitiron á festa formar parte da Rede Europea de Patrimonio Gastronómico que promove os produtos locais e a cociña tradicional.

Coa presencia deste concello reivindícase un dos motivos que deu lugar ao nacemento do salón promover o turismo de Galicia a través dun dos seus principais atractivos, a gastronomía e, ao mismo tempo, reunir unha amplia representación e dar saída ás máis de 300 festividades gastronómicas que converten a Galicia nun dos pobos que máis venera aos manxares do mar e da terra.

O produto estrela da gastronomía de Vila de Cruces é o Galo de Curral en torno ao que se vén celebrando nos últimos anos unha importante festa gastronómica declarada de Interese Turístico Galego.Tradicionalmente os galos criábanse en total liberdade, cunha alimentación natural composta basicamente por millo, trigo, verzas e herbas. Este sistema de crianza fai que a súa carne acade uns altísimos niveis de calidade e un exquisito e inigualable sabor.



 

Fundación Feiras e Exposicións Ourense C.− Finca Sevilla S/N 32005 − Ourense Tl. − +0034 988 366 030 info@xantar.org Cómo llegar   Aviso legal − 2017