18-08-2017 XANTAR representou á gastronomía galega no Festival Gastronómico Bife de Espadarte en Vila Praia de Âncora 

  • >> A festa gastronómica portuguesa dedicada ao peixe espada celébrase en Vila Praia de Âncora

Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, continúa estreitando lazos coas entidades locais do Norte de Portugal e participou onte como convidado especial representando a gastronomía galega no Festival Gastronómico do Bife de Espadarte (peixe espada), en Vila Praia de Âncora, en Portugal, cuxo acto oficial de inauguración presidiu o Secretario de Estado de Pesca do Goberno Portugués, José Apolinário.

Tamén estiveron presentes o alcalde do Municipio de Caminha, Miguel Alves, que destacou que o festival "celébrase na vila máis galega de Portugal" xa que segundo os seus datos un 40% da poboación descende dos pescadores galegos que iniciaron hai séculos alí esta actividade; o vicepresidente da entidade de Turismo Porto e Norte, Jorge Magalhaes, que aproveitou a ocasión para anunciar oficialmente a participación deste organismo na próxima edición de Xantar; e o organizador do certame, António Cunha, quen deu as grazas aos participantes polo principal éxito deste festival "antes, os turistas que se achegaban ata Âncora non podían degustar o espadarte (peixe espada) en ningún restaurante, pero hoxe numerosos establecementos ofértano nas súas cartas, o que supón unha revalorización dun produto típico da rexión e incentiva a economía local". 

A presentación de Xantar correu a cargo da directora de Relacións Internacionais de Expourense, Emma González, quen agradeceu a implicación das entidades públicas e privadas portuguesas coa feira galega e lembrou que "Xantar é a única feira internacional oficialmente acreditada, que existe en España, especializada en turismo gastronómico". 

Expourense e Xantar levan catro anos consecutivos representando a Galicia neste Festival que se celebra cada ano para mediados do mes de agosto. Esta acción é unha máis das que Expourense promove no campo de cooperación transfronteiriza na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal, e dun modo especial en base ás relacións co principal partner que é a Entidade de Turismo, Porto e Norte. Xantar promocionou a súa próxima edición que terá lugar entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro de 2018 e na que Portugal volverá ser un dos protagonistas, fomentando así o turismo de proximidade. 

O Festival Gastronómico do Bife de Espadarte que comezou onte transcorrerá ata o 20 de agosto en Vila Praia de Âncora.



Imágenes asociadas

 

Fundación Feiras e Exposicións Ourense C.− Finca Sevilla S/N 32005 − Ourense Tl. − +0034 988 366 030 info@xantar.org Cómo llegar   Aviso legal − 2017