A Asociación de Sumilleres de Galicia, GALLAECIA, celebrou recentemente unha Asemblea Extraordinaria na Bodeguilla de San Lázaro de Santiago de Compostela co obxectivo de renovar a súa Xunta Directiva. O encontro tivo como resultado o nomeamento da súa nova presidenta, a lucense Mercedes González Rodríguez, monitora de Hostalería e Asesora dos Restaurantes Paprica, A Barra e Colón en Lugo.
O resto de directiva quedou constituída do seguinte modo: Luís L. Paadín ocupará o cargo de vicepresidente; Alberto Román García Cancio foi elixido como secretario e, finalmente, como tesoureiro, Eugenio Rodríguez Suárez.
|
|
|
Na foto, de esq. a derta. Eugenio Rodríguez, Alberto Román, Mercedes González e Luís Paadín. |
A Asociación de Sumilleres de Galicia, fundouse en 1997 co obxectivo de dar un tratamento especial aos Viños no sector da restauración así como ás nosas Augas Minerais e aos Oruxos de Galicia. Actualmente conta con máis dun centenar de socios repartidos polas catro provincias galegas.
A pesar do cambio na directiva, o desexo de Gallaecia segue sendo profundar nos criterios fundacionais de de formación e información. Neste sentido, fixáronse como meta o potenciar o carácter informativo das Distincións Gallaecia (Concurso de Viños Oficialmente Recoñecido polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño do Goberno de España).
Tamén figura entre os seus propósitos a organización de viaxes enológicos nacionais e internacionais, colaborar estreitamente cos Consellos Reguladores e traballar xunto a estes na defensa e promoción dos viños e produtos agroalimentarios con selos de calidade galegos.
Así mesmo, a Asociación de Sumilleres de Galicia é un colaborador habitual dos eventos que acolle Expourense como son Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal; Vinis Terrae, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade e Xantar, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo. No caso de Xantar, Gallaecia encárgase, en colaboración da Asociación Galega de Catadores, de organizar as catas de viños que teñen lugar durante a celebración do salón.
Para máis información visite a web de Gallaecia.
|