• O Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, clausurou esta mañá a edición especial XACOBEO 2010
• O V Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde contou coa asistencia de máis de 2.400 participantes
Ourense, 07/03/10.- Xantar resiste a crise e esta tarde pon o peche a súa 11ª edición tendo recibido en cinco días máis de 20.000 visitantes e ofrecido 17.800 comidas e ceas nun dos 18 restaurantes do recinto de Expourense que ofrecían un total de 28 menús entre os que se podía degustar as distintas gastronomías dos camiños.
Remata así esta edición especial adicada ó XACOBEO 2010 e a promocionar a Gastronomía dos Camiños cuxo acto de clausura estivo presidido polo Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, acompañado pola Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo. O conselleiro destacou que “Xantar se consolidou como unha sede colectiva de celebración da calidade da cociña galega sendo ademais un óptimo espazo de traballo e contacto para profesionais”. Explicou ademais que nesta edición especial os camiños, a través da súa gastronomía, non remataron en Santiago, senón en Xantar. O Conselleiro foi un máis dos centos de persoas que durante estes cinco días se achegaron ata o salón a degustar o Menú XACOBEO.
A última xornada de Xantar, que estivo adicada ó Concello da Baña e a Viseu, comezou cun obradoiro infantil sobre refrescos onde os cativos aprenderon a diferencias os produtos naturais dos artificiais. Os obradoiros de cociña impartidos hoxe versaron sobre a cociña do Camiño Mozárabe impartido polo profresor do Centro de Formación de Hostalería de Ourense, Daniel Guzmán, e outro sobre “Cociñas con encanto” a cargo do restaurador do Grupo Gourmand Galicia, Javier Torcuati. Pola súa parte, o Concello da Baña ofreceu desgutación de Filloa á Pedra e convidou aos visitantes a asistir a Festa da Filloa que terá lugar neste concello o 21 de marzo.
Xantar foi ademais o lugar elixido pola Asociación de Sumilleres de Galicia – Gallaecia para entregar os seus premios “Distinguidos Gallaecia 2010”.
V Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde
Coas actividades de hoxe remataba o V Encontro sobre Dieta e Saúde que ofreceu ó longo de cinco días un completo programa de conferencias e unha trintena de obradoiros de cociña en directo, degustacións e catas nas que participaron máis de 2.400 asistentes.
Este encontro contou coa participación de 73 relatores, expertos en distintos campos vencellados coa saúde e o turismo gastronómico, procedentes de Galicia, das comunidades convidadas (Andalucía, Asturias, Canarias e Estremadura) e dos tres países convidados ata o momento no salón (México, Portugal e A Arxentina). Entre estas actividades destacaron os obradoiros e exhibicións de cociña en directo no que participaron prestixiosos chefs e que estiveron coordinados polo Centro de Formación de Hostalería da Provincia de Ourense.
Con estes datos Xantar cumpre o seu obxectivo de promociona Galicia no Ano Santo xa que o Salón contou coa visita de centos de veciños das comunidades convidadas, en especial daquelas máis próximas como Portugal e Asturias.
A vindeira cita en Expourense terá lugar xa no mes de maio con Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral e coa celebración da IV Xornada de Divulgación das Enerxías Renovables os días 12 e 13.
|