>> O Salón Galego de Gastronomía e Turismo únese ás redes sociais co obxectivo de manter un contacto máis directo co seu público
Ourense, 08/02/10.- Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo, acaba de crear unha páxina no Facebook, unha das redes sociais con maior número de usuarios, co obxectivo de manter un contacto máis directo co seu público para que poida consultar a través desta nova ferramenta todas as novidades do salón ofrecéndolles ó mesmo tempo a posibilidade de enviar comentarios, suxerencias, cuestións ou participar en foros sobre o Salón que terá lugar en Expourense entre o 3 e o 7 de marzo nunha edición especial adicada ó XACOBEO 2010.
Para facerse “amigo” de Xantar é preciso contar cun perfil de Facebook. Pódese acceder a el a través da páxina web do salón www.xantar.org ou poñendo o termo Xantar no buscador que aparece en cada perfil.
A través da súa páxina de Facebook, Xantar pretende contactar tanto co público xeral (en especial co principal usuario deste tipo de tecnoloxía, os máis novos) como co profesional interesado especialmente en gastronomía e turismo. A finalidade é que os usuarios de Facebook poidan manter coa organización unha comunicación máis fluída e directa da que ofrece a páxina web e que ó mesmo tempo Xantar poida retroalimentarse dos seus comentarios. Ademais, os distintos amigos de Xantar poderán contactar entre eles e intercambiar impresións, fotografías do salón ou votar o seu menú favorito.
A páxina de Facebook, que se actualiza día a día con novos contidos, ofrece toda a información sobre o salón como os menús que se poderán degustar, o paquete turístico especial para visitar Xantar, fotografías do salón e inclúe o video promocional da feira.
Xantar convida a todos os amantes do bo comer e beber e ós defensores da calidade da gastronomía e da hostalería de Galicia a facerse amigos do salón en Facebook.

|