OBXECTIVOS

No marco da décimo séptima edición de Xantar e con motivo da concesión por tercerio ano da consideración de "Feira Comercial Internacional", convócanse os Premios Xantar 2017, que xorden co obxectivo de recoñecer iniciativas profesionais e empresariais que destacasen por poñer en valor os sectores da gastronomía e/ou o turismo; sectores que xogan un papel de destacada importancia no desenvolvemento socioeconómico da nosa sociedade.
Os presentes premios susténtanse sobre a base da innovación, e o fin último baséase en recoñecer públicamente o labor que os profesionais e empresas veñen realizando a través da súa actividade no sector da hostalaría e o turismo co obxectivo de mellorar a súa competitividade no mercado global.

Dentro destes premios recoñécense catro categorías diferenciadas:

  • Premio ao Mellor Stand Restaurante.
  • Premio ao Mellor Stand de Alimentación.
  • Premio á Mellor Acción Promocional en materia de turismo.
  • Premio á Mellor Actividade relacionada coa saúde e a nutrición.


REQUISITOS

Para optar aos mencionados premios recoñécense dous supostos diferenciados:

  • En relación ás categorías de Mellor Stand Restaurante e Mellor Stand de Alimentación, poderán concorrer a estes premios as empresas e profesionais que estean representados en Xantar 2017 expoñendo os seus produtos/servizos dentro da área expositiva do salón.
  • En relación ás categorías de Mellor Acción Promocional e Mellor Actividade, poderán concorrer aos presentes premios, as empresas e profesionais que participen en Xantar 2017, xa sexa como expositores, patrocinadores ou entidades colaboradoras.

 

SELECCIÓN DE CANDIDATURAS

A organización de Xantar, Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, será a encargada de seleccionar e propoñer as candidaturas que optarán aos premios en cada unha das categorías.
Garántese a concorrencia dun mínimo de tres candidaturas en cada unha das categorías, de cara ao efectivo desenvolvemento de cada premio.

XURADO

O xurado dos premios será quen adopte a decisión final da candidatura premiada en cada unha das categorías, e estará formado por diversos membros do Comité Asesor de Xantar, así como por representantes das entidades que conforman o Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense.
Todos os membros do xurado teñen voz e voto, a excepción do secretario (que será o da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense).
O xurado ten dereito a deixar deserto algún premio, se considerase insuficiente o nivel das candidaturas propostas.
En calquera caso, non procede recurso nin apelación contra a decisión do xurado.

CALENDARIO

Proposta e valoración de candidaturas: Do 1 ao 5 de febreiro de 2017 (durante a celebración do Salón).

PREMIOS

Os galardoados recibirán un diploma e unha figura conmemorativa deseñada en exclusiva para estes Premios, que simboliza o recoñecemento por parte de Xantar, Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, ao seu labor profesional desenvolvido no marco do salón.

 

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

En cada unha das categorías, o xurado terá en conta os seguintes aspectos relacionados coas diferentes candidaturas:

Premio Mellor Stand Restaurante

  1. Equipamento, decoración e acondicionamento do stand.
  2. Calidade, presentación e aceptación do menú/s ofrecido/s.
  3. Servizo ofrecido ao cliente.


Premio ao Mellor Stand de Alimentación

  1. Esforzo creativo para a consecución dunha montaxe atractiva para a exposición.
  2. Características e presentación do produto.
  3. Degustacións, catas e demais accións desenvolvidas no stand.

Premio á Mellor Acción Promocional en materia de turismo

  1. Innovación, impacto e repercusión da campaña presentada.
  2. Grao de implicación da iniciativa no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo.
  3. Actuacións e actividades complementarias organizadas no marco da feira.

Premio á Mellor Actividade relacionada coa saúde e a nutrición

  1. Innovación e diferenciación da proposta presentada.
  2. Contribución á posta en valor do XI Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde.
  3. Grao de interese e implicación por parte do público e dos medios de comunicación na actividade.


Nas catro categorías valorarase a proxección e transcendencia internacional, se existise, como un elemento positivo.

 

 

 

 

 

 

 

Fundación Feiras e Exposicións Ourense C.− Finca Sevilla S/N 32005 − Ourense Tl. − +0034 988 366 030 info@xantar.org Cómo llegar   Aviso legal − 2017